WILLKOMEN, BIENVENUE, WELLCOME, BENVINDOS AO CABARETDAQUI!
Pepa & Davide. Cabaré D’aquí presenta:
“Unha noite no muíño non é nada sen… Davide Salvado e Pepa Yáñez”
O espectáculo
Procedentes do mundo da música tradicional e folk, entre outros estilos, Davide Salvado e Pepa Yáñez achégannos por primeira vez o xénero do Cabaret D´aquí, unha incursión polo cabaret desde a óptica da cultura popular galega, un show musical que bebe das fontes do tradicional no que non falta teatralidade e comicidade.
Porque a noite, a festa, a paixón e a luxuria, como no Moulin Rouge, deuse no muíño, porque unha noite non é nada e unha semaniña enteira sí que é foliada. Por esta razón, e por outras máis, Davide e Pepa dispóñense a “saír da artesa” para deixar fluír sen prexuízo as súas innatas habilidades para o espectáculo.
Neste exercicio de terapia artística identitaria os nosos protagonistas mergúllanse en caldeiros de purpurina e destapan os Crooner que levan dentro, mesturan vellas e novas músicas ata a hibridación total e reviven fórmulas de fenómenos da canción de éxito -ou non-, que foron aparecendo pola discografía galega das últimas décadas.
